Malditos anouk!

COLONIA PERDIDA – EPISODIO 27

Dun intenso combate multirracial, nunha fábrica abandonada e coa súa xusta dose de revelación de trama. O problema do tráfico de droga en Rochafurada deu para moito.


Episodio anterior: Facendo inimigos

A tripulación ve paredes negras, feitas de rocha viva. Sinte os seus corpos pesados, coma se a gravidade se multiplicara. E percibe na penumbra corpos que se moven, cambiantes, sen forma definida, que avanzan en posición de ataque…

⚡ ZAP. Os nanobots de Lupita perciben unha intromisión neural e sobre-estimulan a corteza cerebral da nosa mecánica, traéndoa de volta ao mundo do aquí e o agora. E esa sobrestimulación faina ter un momento de extrema lucidez.

Algo ten esa bolecha negra que pulsa de forma imposible, e dela emanan… recordos? Xa haberá tempo de pensalo, porque agora hai problemas máis urxentes, coma a emboscada que se percibe tras a bolecha. Lupita, co seus sentidos expandidos, localiza a Dumishan, o guerreiro anouk que lles tendeu o paso, agochado xunto a varios matóns do seu clan. E nun dos pasos elevados desta antiga planta de procesado de mineral, varios humanos agardan con armas, e coas veas negras que os amosan como adictos á raia negra.

“Malditos anouk!”

Lupita, nada diplomática

A mecánica non perde un segundo, diríxese cara a cinta transportadora na que descansa a sospeitosa esfera cambiante e bota sobre ela un chorro mortal de nanobots. No seu empeño, desintegra a esfera, un 70% da cinta transportadora, e parte do chan. Sutilezas, para outro día.

Jarmarious e Neris espertan da ensoñación, xusto cando esas criaturas de formas cambiantes estaban xa moi preto. E espertan a tempo de escoitar o berro de Dumishan, indignado pola destrución da bolecha mutante. Empeza a acción, pode que nunha das loitas máis perigosas nas que este grupo se viu nunca.

As promesas dun sitio tranquilo eran falsas

Neris se bota enriba dos anouk, ametralladora en man, pero a munición de plástico acelerado, pensada para non furar o casco dunha nave, tampouco fura a armadura dos seus conxéneres. Eles, máis prosáicos, atacan con armas tradicionais, pero feitas de rocha negra en lugar da morada pedra tannis de Banshee. Neris cambia ao seu fiel revólver, apunta e derruba a un, pero non tarda en verse superada en número.

Jarmarious colle o flanco contrario e carga contra os yonkis da raia negra. O primeiro cae rápido dun machetazo no peito, pero o que vén detrás ten un arma automática. Está feita a retales e parece que se vai romper a calquera momento, pero vaia se dispara. E tras os disparos, fórmase un torbellino de ventos purpúreos que colle ao mercenario polos pés e guíndao contra a parede metálica da factoría. Dumishan invocou algunha clase de poder propio dos chamáns anouk.

Lupita tenta botarse a por él, pero vese rodeada de guerreiros anouk e non pode dar renda solta á morte por nanobots sen pillar a Neris polo medio. Á desesperada, consegue abrirse oco disparando a súa pistola de bengalas contra un anouk que lle saca cabeza e media e prendendo as súas roupas en lapas.

E a capitá Jack? Tardou máis ca o resto en espertar, porque o seu… recordo? foi máis lonxe. Viu máis aló do túnel. Viu que as criaturas sen forma estaban a correr para fuxir, non para atacar. Viu un planeta de rocha sólida onde agora está o cinturón de asteroides. E viu unha enorme esquirla de rocha tannis, do tamaño dunha estación espacial, dirixirse cara este planeta a grande velocidade.

💥 BANG. O ruido do tiroteo esperta a Jack Willams. Segue coas costelas magulladas e unha perna torta, das dúas últimas aventuras, pero lánzase á acción. Carga contra os anouk, igual que Jarmarious, buscando cobertura das balas dos yonkis.

Reagrupación e victoria

Mentres Lupita se escurre por entre as caixas de almacenaxe, Neris, Jack e Jarmarious forman un grupo para protexerse… ata que un novo torbellino de vento mortal lánzaos polo aire. Só Neris aguanta, pero perde a súa porra aturdidora, e atópase que cando lle requisaron o revólver para entrar en Rochafurada, tamén lle requisaron unhas cantas balas. Está sen munición! Jarmarious móvese para cubrila e logra unha fazaña que poucos humanos desgloquearon: derrubar a un anouk en corpo a corpo.

A capitá fai o propio tras recuperarse do torbellino, algo máis magullada da conta. Un anouk bótaselle enriba e cae cuns cantos tiros de revólver na perna.

A cousa require medidas serias. Lupita vaise contra Dumishan, e case se arrepinte, porque leva un par de golpes de machada chakatl que case a deixan no sitio, e non tarda en verse rodeada de yonkis raiados, pero… pero é áxil, en non lle faltan nanobots. Danza, rodea ao grupo e envólveos a todos cunha nube mortal que desintegra a un yonki a nivel molecular e deixa moi maltreito a Dumishan, estrabando a protección sobrenatural que parecía levar. Ao guerreiro aínda lle quedan forzas para un último golpe, que aterra infensivo no chan deste almacén mineiro abandonado convertido en brutal campo de batalla.

Ao inimigo só lle quedan forzas para unha última frase.

«Deixádeme compensar o xenocidio que cometeu o meu pobo?»

Dumishan, como bo malo, despídese cun cliffhanger

Continúa en : Plot Twist


Aventura propia ambientada nunha versión cada vez máis alternativa de Deadlands: Colonia Perdida, xogo publicado en castelán por HT Publishers.

Deja un comentario