A factura de Industrias Hellstrome

COLONIA PERDIDA – CAPÍTULO 34

Informe confidencial da rede de datos de Industrias Hellstrome, obtido nunha filtración anónima. Avaliación do incidente F04, escaramuza no cuadrante 3 do Cinturón.


Episodio anterior: Animais Políticos

A misión de localización e captura do cargueiro F31J0L1T0, nome civil Frijolito’, foi un absoluto fracaso. Nunca vin a ninguén esquivar así un torpedo rémora. E menos dous. Non podemos volver subestimar a esta xente.

Emboscada no cuadrante 3

A nave Courier IH07, coa tripulación estándar de tres axentes, estableceu predicións correctas do rumbo da Frijolito para cubrir a ruta entre Rochafurada e IE. Foi o último que saíu ben nesta operación. Deron parte para pedir reforzos, pero a navegación do cargueiro obxectivo foi máis eficiente do previsto: reduciron o tempo de viaxe en día e medio, aproveitando de xeito bastante temerario a órbita dalgúns asteroides para aumentar a súa aceleración media.

Dado que a Frijolito só porta armamento lixeiro, o equipo de operacións especiais escolleu iniciar o combate igualmente. Desde un punto cego para o obxectivo, dispararon dous torpedos rémora, que ata o de agora amosaran unha efectividade do 91% en combate real. Como saberán, os rémora contan con intelixencias artificiais primarias que lles permiten corrixir o rumbo cando non impactan. Son tremendamente difíciles de evadir.

Pero a súa piloto, unha anouk do clan Asai, amosou unha pericia ao alcance de pouca xente (e menos entre a súa raza tecnófoba) e logrou esquivar as rémoras ata cinco veces. Nas últimas, empregou unha táctica máis temeraria aínda que o seu plan de voo. Fixo un dobre retrouso sobre a codia exterior dun asteroide, tan preto que os torpedos rémora non tiveron espazo para corrixir o rumbo e estouparon contra a pedra espacial.

[Nota técnica: as explosións deixaron o núcleo metálico do asteroide aberto á minería. Enviar operación de extracción]

Tan arriscada pilotaxe deixou á Frijolito nunha posición vulnerable. A Courier IH07 manobrou para aproveitala e lanzar unha nova andanada de mísiles nunha posición de proximidade. Foi o erro final: a operaria técnica Lupita, localizou puntos vulnerables do motor e unha ráfaga dos autocanóns do cargueiro foi suficiente para inutilizar os sistemas da nosa nave. O último servizo da tripulación foi transmitir os datos do combate a Tunnel Station e activar a destrución do reactor para evitar deixar pistas atrás.

A operación só pode ser cualificada coma un desastre total.

Recomendacións finais

Cando recibimos eo envío de datos da Courier IH07, a Frijolito xa estaba demasiado preto de IE e as súas defensas para repetir a operación de ataque. Agárdase que nas próximas horas atraquen no espazo-porto de IE, coa súa extremadamente incómoda rotación constante. Haberá que estudar outras liñas de represalia.

A dobre colonia de IE

Porén, dado o nivel de habilidade amosado por Jacqueline Williams, Neris Asai, Guadalupe (Apelido Descoñecido) e Jarmarious, e dada a súa implicación en sucesos coma a revolta de Goliat, é desaconsellable deixar que esta tripulación continúe actuando por libre. Ademais, temos identificado que a oficial técnica, Lupita, é unha das poucas transmutadoras superviventes tras o peche do Experimento Cornucopia.

A probabilidade de que volvan inmiscirse nas operacións de Hellstrome é do 72%, e desta vez pode saírnos moio máis caro que os 42 millóns de créditos que investiremos en Rochafurada. Recomendación: exterminar.

Investigadora Marta Diehl
Informe 3456/2097 — Año 16 desde a caída do Túnel

Episodio seguinte: Algas no Menú


Aventura propia ambientada nunha versión xa moi alternativa de Deadlands: Colonia Perdida, xogo publicado en castelán por HT Publishers

Deja un comentario