A caída da folerpa

COLONIA PERDIDA – CAPÍTULOs 39 e 40

Extractos de informes sobre a derrota dun cruceiro da EXFOR no seu intento de ocupar a colonia científica de IE, elaborada a partir de testemuños de primeira e segunda man. Compilación propia.


Episodio anterior: Queima no reactor

Informe privado do administrador Gus Janssen

Cando construímos o sistema de canón gauss oculto no sistema de ascensores do eixo, desexei que nunca chegase o día de usalo. Era un sistema enxeñoso, non o nego, pero altamente arriscado: sobrecargar a alimentación electromagnética do ascensor principal e empregalo como metralla hiperacelerada ata unha fracción da velocidade da luz. Ninguén o agardaría, era algo que só se podía facer pola peculiar configuración da nosa colonia binaria. Pero este truco só podería usarse unha vez, nunha situación realmente desesperada.

E o meu desexo non se cumpriu. Estabamos nesa situación realmente desesperada. Desesperada de carallo. Grazas á tripulación da Frijolito, o reactor estaba a salvo, pero iso só fixo á EXFOR reaccionar máis duro. Coas puñeteras armaduras de batalla ocuparon zonas cruciais do espazo-porto, para garantir que as tropas á bordo do cruceiro Folerpa desembarcaban sen problema, e cando iso acontecera, IE caería baixo ditadura militar. Non tiñamos recursos para o combate cerrado contra marines con mellor adestramento e equipación.

Era o momento de activar a arma secreta. O malo é que os controis de activación se atopaban no hangar principal do espazo-porto, ocupado por unha cuadrilla de marines e un soldado potenciado Wolverine. Tivemos que pedirlles á xente da Frijolito que nos salvara o cu unha vez máis.

Un día duro e heroico para a tripulación da Frijolito

Vídeo da cámara do hangar principal

[A calidade da imaxe é mellorable, pero a combinación da cámara de seguridade ofrece un bo plano táctico do hangar. O grupo de Jack Williams, Jarmarious, Neris e Lupita accede desde o eixo e atopa un grupo de cinco marines e unha armadura Wolverine. A tripulación está superada en número e en armamento, e está cansa das confrontacións anteriores, pero esta xente non é da que se rende.

O grupo avanza cara o posto de control, baixo fogo pesado. Neris tenta coller unha boa posición de tiro e derruba a un dos marines, pero cae abatida por unha ráfaga da Wolverine á súa vez. Lupita nota especialmente feble o seu control sobre os nanobots… desde o seu encontro co psicotrónico nada semella ir ben. Non é quen de plantar batalla, parapétase tras uns contedores de algas, que resultan febles de máis para deter as balas dos fusís de asalto da EXFOR. Os tiros atravesan á cobertura e impactan na armadura da transmutadora. Nota unha forte dor.

A capitá Williams abate a un par de militares forzando a máxima distancia de disparo do seu revólver. Pero, coa súa perna mala, atópase encaixoada nun curruncho do hangar, sen posibilidade de moverse baixo unha choiva de balas. No caos, Jarmarious atopa un camiño. Trepa cara a plataforma elevada na que se atopan os controis, asalta a un centinela coa súa machada e fai churrasco co operario que xestionaba o cadro de mandos. Atópase nunha posición perfecta para introducir os comandos, abrir a porta do hangar, e activar o canón agochado… Pero non sabe qué botón pulsar porque non ten nin zorridea destas cacharradas.

A capitá berra polo comunicador: «Pulsa o mando de descompresión de emerxencia!» Jarmarious respira, fai pito-pito-gorgorito e pulsa o mando correcto. Os marines, a carga e todo o que non está atado sae arroxado ao espazo cando as comportas do hangar se abren. Tamén os corpos inconscientes de Neris e Lupita]

* Nota ao pé do informe: Para a próxima vez, aforre o comentario literario. Coa descripción do vídeo é suficiente.

Lecturas do satélite de vixilancia HI33

Amplificamos a imaxe ata onde son quen as computadoras. O maior dos ascensores do eixo de IE comeza a acelerar contra todo protocolo de seguridade. Sae despedido, furando o asteroide de xeo e atopando saida no hangar principal. Transformado nun proxectil, impacta no cruceiro Folerpa, que en absoluto estaba preparado para esta sorpresa. A nave de guerra féndese pola metade e o seu motor de fusión estoupa a media unidade astronómica de IE. E a segunda vez na historia do sistema Faraway que alguén é capaz de destruir un cruceiro da EXFOR, e a anterior fixo falta unha alianza entre todas as outras faccións. Un día que será lembrado.

O perímetro exterior do hangar principal está cheo de lixo espacial e corpos á deriva. A capitá Jack Williams lánzase ao baleiro cunha mochila propulsora e recolle á súa piloto, levándoa de volta á estación. Cando manobra para para achegarse á Lupita, algo anómalo acontece.

A mecánica comeza a convulsionar. Unha nube de nanobots escorrega polos filtros de aire do seu traxe espacial e acumulase ao seu redor. Comeza sendo unha masa amorfa, pero toma figura humanoide, compáctase e sae voando a considerable velocidade, con destino descoñecido

[Os modelos de predición determinan unha ruta cara o deshabitado cadrante 4 do cinto de asteroides]

Informe médico da sanitaria Marieta Passaia

Esta xente non sei como segue viva. Desde logo, fixeron bo investimento con estes traxes espaciais blindados que levan. Lupita levou a peor parte, ten unha grave fractura na perna e presenta síntomas análogos á anemia. Con todo, os nanobots do seu torrente sanguíneo parecen estar a replicarse para suplir aos que marcharon polo espazo adiante. De todos modos, nunca antes tratara eu a unha desguazadora, así que vai ti a saber a bioloxía desta xente.

E o mesmo podo dicir da anouk, estaba completamente machucada e en pouco máis dun día recuperouse de feridas para as que eu recomendaría unha semana de repouso. Escoitei cousas raras do pobo anouk, pero a curación acelerada non é unha delas. Mellor non pensalo moito.

A capitá librouse con cardeais menores e un par de puntos. E o mangallón de Jarmarious está coma novo. De verdade que non me explico o desta xente.

Estudo da ruta orbital da Frijolito

A análise informatizada do rumbo tomado polo cargueiro Frijolito indica un destino indeterminado no cadrante 4. Diversas tomas de cámaras de vixiancia indican que levan un

Sendo o cadrante 4 un sector deshabitado e con escasa riqueza mineral, non hai moitas balizas de sinalización posibles. En concreto, hai unha: a de Lancha Vella, que está a atravesar a zona no seu ciclo anual. Cómpre investigar.


Documentos incorporados ao informe 3457/2097
— Ano 16 desde a caída do Túnel

Continuará


Aventura medio propia ambientada nunha versión xa moi alternativa de Deadlands: Colonia Perdida, xogo publicado en castelán por HT Publishers

Deja un comentario